O Consello Regulador de Ternera Gallega e de Vaca Galega-Boi Galego avoga por un uso produtivo do territorio como prevención ante os incendios
O presidente do Consello Regulador das IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, Jesús González, propón un uso produtivo do territorio como medida para a prevención de incendios e asegura que “o fomento e apoio da gandería extensiva de vacún de carne, ao igual que de ovino e caprino, é esencial para evitar os incendios”.
González reclama “unha aposta decidida por parte da Administración” para apoiar o modelo produtivo que promoven as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego. Tal e como destaca o presidente da Denominación, a poboación rural, a actividade agraria e a gandería extensiva son factores determinantes para a conservación do territorio. “É necesario que no rural siga vivindo xente que desenvolva unha actividade produtiva no campo, así evítase a proliferación de maleza e de terras abandonadas”, sinala González. E lembra que Galicia é unha reserva alimentaria europea de alta capacidade, onde o vacún extensivo de carne constitúe un grande aproveitamento económico.
Para o presidente das IXP, “o gran reto do rural galego é fomentar as actividades económicas agrarias; solo así se fixará poboación no campo, que coide as fincas e os montes, e a gandería extensiva é a actividade máis favorable. Un plan de fomento deste tipo de produción daría continuidade á vida no rural galego, como suma da vida social e o traballo dos seus habitantes, a continuidade de aldeas e lugares, a xeración de riqueza e a conservación da biodiversidade”.
Actualmente, na provincia de Ourense están inscritas case o 10 % das ganderías de Ternera Gallega, que producen o 22 % dos animais rexistrados na IXP.