Becerreá pon en valor o produto amparado un verán máis

O concello lucense celebrou o pasado sábado unha nova edición, e xa suma dezaoito, da súa tradicional Festa de Ternera Gallega. Como cada verán, ofreceuse aos asistentes unha churrascada da carne certificada, da que se prepararon uns 400 quilos. A IXP colaborou co Concello na achega do produto e de receitarios con información sobre o despezamento e as categorías comerciais de Ternera Gallega, ademais de gran variedade de propostas gastronómicas cos diferentes cortes. 

A degustación comezou ás 21:30 horas con gran asistencia de público, que xa desde a tarde puido amenizar a festa coa charanga BB+. Tamén a medianoite seguiu a música coa actuación do trío En clave de ti. 

A calidade da carne de Ternera Gallega conmemórase cada mes de agosto en Becerreá, un concello de gran tradición gandeira que conta con preto de 160 explotacións inscritas na IXP. Xunto coas dos concellos limítrofes, suman máis de 700 ganderías que producen carne amparada nesta zona da provincia de Lugo.