A praza de abastos de Ribadeo presentou un showcooking de carnes de razas autóctonas

O ciclo Gastropraza, que desde o mes de maio está poñendo en valor o produto local desde a praza de abastos de Ribadeo, ofreceu este xoves unha demostración de cociña en directo na que Ternera Gallega compartiu mesa con Porco Celta e Cabalo Pura Raza Galega. 

Desde as 11 da mañá, os compradores e visitantes do mercado puideron asistir a este evento e degustar diferentes pratos elaborados por chefs da Asociación Provincial Cociñeiros Lugo. Coa carne certificada pola IXP, prepararon un tataki de croca e un xarrete a baixa temperatura. Dúas propostas moi diferentes con pezas habituais pero cun toque de orixinalidade. O menú completouse con lombo en escabeche de Porco Celta e hamburguesa de poldro. 

Con esta iniciativa dáselle protagonismo ao produto de calidade e proximidade, apostando polas razas autóctonas e a carne con selo IXP. Na praza de abastos de Ribadeo, Ternera Gallega conta cun punto de venda con acordo de colaboración, a Carnicería San Miguel. 

Gastropraza

O evento deste xoves enmárcase no proxecto Gastropraza, organizado polo Concello de Ribadeo, en colaboración coa Xunta e a Asociación Cociñeiros Lugo. Durante tres meses desenvolveron actividades de dinamización do mercado con propostas culinarias, educativas e de sensibilización alimentaria, ademais de resaltar a importancia do produto autóctono e o traballo dos praceiros e praceiras, apostando polo comercio local.