Bóveda celebrou a Feira Outrora con degustacións da carne certificada
Dúas demostracións culinarias da IXP formaron parte, este luns, dunha nova edición da feira tradicional Outrora, que divulga os oficios artesanais e os mercados típicos de comezos do século XX. Xunto a Axencia Galega de Calidade Alimentaria e coa colaboración do cociñeiro Marcos Arufe, Ternera Gallega serviu diferentes tapas con pezas moi diversas e acompañadas doutros alimentos galegos con selo de Indicación Xeográfica Protexida.
O menú ofreceu tanto carne certificada de Ternera Gallega Suprema como de Ternera Gallega. Comezou cun prato fresco, un tataky elaborado co corte redondo (babilla), e seguiu con dúas pezas á prancha: o medallón de vacío e a tapa da pa (llana). Dous cortes que permiten amosar a versatilidade do produto e as súas variedades e sabor e textura, cunha preparación moi sinxela e sen máis condimentos. Como receita final, unha tosta de carne mechada da agulla, aderezada con mostaza da IXP Mel de Galicia. Tamén a IXP Pan Galego acompañou a degustación.
As explicacións gastronómicas tamén achegaron aos asistentes técnicas de corte e cociñado segundo o prato e o corte a preparar, ademais de explicar o significado do selo IXP e todo o traballo dos gandeiros e gandeiras que hai detrás. Tamén se fixo fincapé nos controis de calidade e rastrexabilidade que realiza o Consello Regulador desde o campo ata os puntos de venda, pasando polas industrias, e na importancia de que os consumidores se fixen nas etiquetas que acompañan a carne certificada para poder recoñecela.
Outras experiencias de calidade
O programa da Agacal na Feira Outrora completouse con máis degustacións, incluíndo unha dos queixos con DOP gañadores das Catas de Queixos de Galicia 2024. E dentro do paraugas de Artesanía Alimentaria, os asistentes puideron coñecer os produtos da Gandería Quintián, de Sacra Pan e de Torta de Sarria.
A feira tamén contou durante todo o día con demostracións e obradoiros de artesanía, música e actuacións teatrais.