Ternera Gallega, co GDR Terras de Compostela, con Pan de Cea e no PortAmérica
A Indicación Xeográfica Protexida participou en diferentes eventos culturais e deportivos nos que os asistentes puideron degustar a carne certificada. Desde o mes de marzo, colaborou nas actividades de promoción dos produtos de proximidade e dos mercados locais que organiza o GDR Terras de Compostela.
Os concellos de Teo, Negreira, Val do Dubra, Santa Comba e Ames foron o escenario de varias degustacións nas que a carne certificada configurou o menú elaborado polo cociñeiro José Manuel Mallón. Ademais de probar os pratos, os asistentes puideron aprender as mellores técnicas e consellos para o corte e a preparación da carne de vacún.
IXP Pan de Cea
Como cada ano, Ternera Gallega colaborou tamén coa IXP Pan de Cea para celebrar esta fin de semana a 32ª edición da súa Festa de Exaltación, que se completou coa Ruta dos Fornos e a Andaina Solidaria.
O produto amparado preparouse de varias maneiras. No percorrido polos fornos tradicionais, que puxo a disposición 1.200 prazas debido ao éxito de anos anteriores, ofreceuse un pepito de Ternera Gallega con DOP Pemento de Herbón. Ademais, no xantar do domingo para 500 persoas, servíronse diferentes alimentos de calidade diferenciada. Ternera Gallega presentouse en empanada e tamén ‘ao caldeiro’ con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia.
A Festa tamén preparou un showcooking para 50 asistentes, no que os cociñeiros amosaron diversas receitas e preparacións e no que Ternera Gallega compartiu espazo con Mexillón de Galicia e o propio Pan de Cea, que durante toda a fin de semana vendeu unhas 2.000 pezas.
Música e deporte
No festival PortAmérica, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria serviu petiscos elaborados con alimentos con selo de calidade diferenciada: Ternera Gallega, Pataca de Galicia, Pementos de Herbón e Lacón Galego, entre outros. Houbo, ademais, catas de viños e queixos con Denominación para unhas 20 persoas.
E no ámbito deportivo, a IXP formou parte, o mes pasado, da proba ‘Os 100 do Barbanza’, que contou con 300 corredores. Ternera Gallega achegou material promocional e produto certificado.