Plasencia acolleu as Xornadas Técnicas e a Asemblea Xeral de Origen España

As DOP e IXP nacionais, agrupadas dentro da asociación Origen España, reuníronse en Cáceres durante tres días para abordar cuestións de interese para o presente e o futuro das figuras de calidade, desde temas lexislativos e técnicos a outros de carácter institucional, co obxectivo de marcar obxectivos comúns para o sector. O Consello Regulador da DOP Pimentón de la Vera foi o anfitrión.

Máis de 80 representantes das denominacións de orixe participaron nas XVI Xornadas Técnicas da asociación, nas que se organizaron diferentes mesas redondas. “Xestión e rexistro das Indicacións Xeográficas a nivel da Comisión Europea, EUIPO e OEPM” foi a primeira delas, coa participación do Head of Unit da European Commission - DG Agriculture and Rural Development da Unit F3 – Geographical Indications, João Onofre; a subdirectora xeral do Departamento de Signos Distintivos da OEPM, Inmaculada Redondo e o xefe de equipo do Departamento de Actividades Operativas da EUIPO, Pablo Amat.

Tamén se abordaron “As tendencias de consumo e as nas novas estratexias online de promoción e comunicación”, co Marketing Efectiveness Director de KANTAR, Fernando Moreno. E “A protección das Indicacións Xeográficas fronte os nomes de dominio”, que impartiu a xefa de Área de Calidade Diferenciada do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Mónica de Santos.

Ademais, os asistentes puideron coñecer de preto a produción do Pimentón de la Vera, visitando a plantación dun agricultor inscrito, que lles amosou o tipo de plantas e o proceso de secado e de afumado deste produto.