O Consello Regulador actualiza as cotas de marcaxe e de certificación
O Pleno do Consello Regulador das IXPs Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, reunido este martes 24 de xuño, acordou modificar as taxas de identificación dos animais no campo e as de certificación das canais nas industrias. Unha medida que se aprobou por unanimidade de todos os membros do Pleno, tanto dos representantes da produción como das empresas cárnicas.
As cotas subirán 30 céntimos por animal e canal, de xeito igualitario nas ganderías e nas industrias, a partir do próximo 1 de xullo. As taxas establecidas ata agora aprobáranse no 2020 polo que, tras cinco anos, era necesaria unha actualización.
Deste xeito, na IXP Ternera Gallega as cotas quedan da seguinte maneira:
- 7,30 € por animal identificado.
- 10,30 € por canal certificada.
No caso da IXP Vaca Galega – Boi Galego, as taxas serán:
- 7,30 € por vaca ou boi identificado.
- 12,30 € por canal de vaca certificada.
- 15,30 € por canal de boi certificada.
Ademais, o Pleno do Consello Regulador acordou que, nos próximos anos, as taxas actualizaranse a principios de cada exercicio segundo a evolución do Índice de Prezos ao Consumo (IPC).