A escola formativa das IXP recibe ao persoal de carnizaría de centros de Galicia e Castela-León

Como xa aconteceu nos meses de marzo e abril, esta semana o Consello Regulador impartiu o seu seminario sobre o produto amparado a un novo grupo de carniceiros e carniceiras da cadea Gadis. Corenta persoas de establecementos de Ourense, Ponferrada e A Coruña asistiron a dúas sesións formativas nas que coñeceron o traballo de control e certificación que realizan Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego; ademais de participar nunha demostración gastronómica sobre as diferentes pezas do vacún. 

Afondar nas cuestións que afectan á certificación e rastrexabilidade das carnes amparadas é un dos temas principais deste curso, posto que os establecementos con acordo de colaboración co Consello Regulador -como é o caso das cadeas galegas- deben presentar a documentación que corrobore a venda do produto e identificalo de xeito axeitado ante os seus clientes, diferenciando as súas categorías comerciais

Tras tratar estes aspectos técnicos, boa parte do seminario dedícase ao tratamento da carne, tanto no seu corte e preparación como nos usos culinarios das diferentes pezas. A idea é ampliar o coñecemento dos cortes menos habituais e as posibilidades gastronómicas que ofrecen segundo as súas diferentes características, achegando tamén novas ideas para as pezas máis comúns. O obxectivo é que o persoal de carnicería ofreza as mellores recomendacións aos consumidores segundo as súas necesidades, repercutindo positivamente no aproveitamento de todo o canal.

Obradoiro de emprego

Na súa liña habitual, o Consello Regulador tamén imparte este tipo de formación en obradoiros de emprego para persoal de cociña e sala. Un ano máis, asistiron ao curso os alumnos de Vigo Capacita, un taller de nove meses de duración para unha vintena de estudantes que obteñen os certificados de profesionalidade nestas áreas da hostalaría e da restauración.