Ternera Gallega e Alcampo ofrecen un showcooking en Vigo

O Centro Comercial Vialia foi o escenario onde a IXP e Alcampo presentaron unha demostración gastronómica sobre a carne certificada e as súas características diferenciais. Ante máis de sesenta asistentes, o cociñeiro Xosé Manuel Mallón dirixiu a actividade, centrada na categoría comercial Ternera Gallega Suprema e enmarcada dentro do programa ‘Cultivamos lo bueno’ que desenvolve a cadea de distribución.

O chef destacou a variedade de pezas do vacún e as infinitas posibilidades culinarias que ofrecen, sempre que lles demos o tratamento previo adecuado e o uso e cociñado propios para cada corte. Para sacarlle o máximo potencial á carne certificada, Mallón achegou diferentes técnicas de preparación, como o temperado, a maduración ou o corte a contrafibra; ademais de consellos para traballar a carne na prancha con pezas singulares como a bavette ou a tapa da pa. 

A utilidade destas técnicas quedou patente tamén nos pratos que os asistentes puideron degustar no momento: desde un tataky feito coa tapa ata un rosbif de redondo, pasando por un bocadillo de xarrete e tapa.

Etiquetas

Ademais da charla gastronómica, o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, explicou todo o que hai detrás do selo IXP. Tanto o tipo de ganderías inscritas e de animais amparados como o sistema de control de calidade que establece a Denominación. 

Nun evento como este, destinado aos consumidores, Vázquez destacou especialmente a importancia de que se fixen nas etiquetas que acompañan á carne certificada para poder recoñecela e diferenciala doutras xenéricas, evitando así posibles enganos. Ternera Gallega sempre se identifica con etiquetas que inclúen o logotipo amarelo e azul de Indicación Xeográfica Protexida e a característica T do logotipo propio. Estas etiquetas teñen, ademais, diferentes cores segundo a categoría comercial do produto: Ternera Gallega Suprema, Ternera Gallega ou Ternera Gallega Suprema Ecolóxica.