A figura do veterinario e o plan de sanidade integral serán voluntarios
A proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Consello de Ministros aprobou os reais decretos sobre sanidade animal que establecen as obrigas de vixilancia dos titulares das explotacións gandeiras e que fixan a voluntariedade de dispoñer dun veterinario, dun plan sanitario integral e dun plan de benestar animal.
Estes requisitos, que en principio ían ter carácter obrigatorio, pasan a ser voluntarios tralas negociacións entre o goberno central e as organizacións agrarias UPA e Unión de Unións co obxectivo de flexibilizar a actividade e restar carga burocrática ao sector.
O novo real decreto que desenvolve a normativa da UE asigna aos titulares das ganderías unha serie de responsabilidades en cuestións como a bioseguridade, o uso prudente e responsable dos medicamentos veterinarios e a prevención e control de enfermidades.
As explotacións deberán recibir visitas zoosanitarias por parte dun profesional veterinario cunha frecuencia baseada no risco que presente dita gandería. Estas visitas incluirán a supervisión de aspectos sanitarios, recomendacións para arranxar deficiencias, a redución do uso de antibióticos e a detección de signos clínicos indicativos de enfermidades. As ganderías que, voluntariamente, conten cun veterinario de explotación serán consideradas de menor risco sanitario.
Aínda que se elimina a obriga de ter un plan de sanidade integral, mantense o compromiso cun alto estatus sanitario da cabana gandeira a través dunha serie de requisitos que deberán ser avaliados nas visitas zoosanitarias.