Profesionais cárnicos de Luxemburgo reciben formación sobre Ternera Gallega Suprema
A localidade de Steinfort, no oeste de Luxemburgo, acolleu este luns unha actividade formativa organizada polo Consello Regulador e dirixida a diferentes profesionais do sector cárnico, procedentes da carnicería tradicional, da hostalaría e da restauración. Un paso máis no programa de internacionalización da IXP Ternera Gallega, que enfoca os seus esforzos en ampliar mercados en Centroeuropa coa meta de xerar novas oportunidades comerciais para as industrias inscritas.
As pezas do dianteiro, como a faldra, a tapa da pa (llana) ou a bavette, entre outras, protagonizaron unha demostración culinaria baixo a dirección de Javier R. Ponte “Taky”. O chef formou aos asistentes na calidade gastronómica de Ternera Gallega Suprema e nas características destes cortes singulares co obxectivo de que os coñezan en profundidade e os incorporen á súa carteira de produtos; centrada ata agora nas pezas da pistola.
A súa procedencia
Xunto ao showcooking, o director de Promoción, Luis Vázquez, resaltou as cualidades diferenciais desta carne certificada, destacando especialmente que procede de animais novos que se alimentan do leite materno como mínimo ata os sete meses. Tamén amosou como traballan as ganderías inscritas e o sistema de control que aplica a IXP, desde as granxas ata os puntos de venda, facendo fincapé na importancia das etiquetas que acompañan ao produto como aval da súa orixe e calidade.
A carne de Ternera Gallega Suprema acompañouse doutros produtos de calidade diferenciada, como o viño da DO Ribeira Sacra e os queixos galegos con denominación: San Simón da Costa, Tetilla, Arzúa Ulloa e O Cebreiro; dos que tamén se promocionaron as cualidades organolépticas que os definen.
Presenza en Europa central
O Consello Regulador conta con Luxemburgo e Alemaña como principais mercados de referencia para a exportación da carne certificada. O pasado ano firmou un acordo de colaboración co grupo luxemburgués Steffen, que xestiona varias carnizarías, restaurantes e un cátering.
No país xermano, a carne certificada atópase nunha quincena de puntos de venda, desde carnizarías tradicionais de diferentes cadeas ata as compañías Otto Gourmet, dedicada á venda online de carnes premium, e FD Fleischerdienst, grosista da zona de Baviera.