O Consello Regulador inaugura a súa nova sede, centro de promoción e divulgación das carnes amparadas e de formación para a cadea de valor
-
- O presidente do Consello, Jesús González Vázquez, afirmou “esta é a sede que merece o sector de vacún de carne de calidade galego, para a súa honra e ao seu servizo”.
- Foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en presenza do Delegado do Goberno, Pedro Blanco; da tenente de alcaldesa de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro, dos membros do Consello Regulador e de profesionais do sector e medios de comunicación.
O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego inaugurou hoxe a súa nova sede, emprazada na Rúa do Obradoiro CAB, nº 2, en Santiago de Compostela, desde a que seguirá traballando para mellorar a competitividade e a sostibilidade do sector de vacún de carne de calidade como principais retos, tal e como puxo de manifesto o seu presidente, Jesús González Vázquez.
Baixo o lema “esta é a sede que merece o vacún de carne de calidade galego, para a súa honra e ao seu servizo”, este edificio corporativo vai axudar a dar resposta ás necesidades do sector, cunhas instalacións axeitadas para levar a cabo accións formativas, divulgativas e promocionais, orientadas a profesionais do sector cárnico e consumidores, para transmitir e informar sobre a cualidade das carnes certificadas polo Consello Regulador.
O acto inaugural, baixo a presidencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, contou coa asistencia do Delegado do Goberno, Pedro Blanco; da tenente de alcaldesa e concelleira do Rural, Pilar Lueiro; directivos e membros do Consello Regulador, entre os que se atopaba o presidente fundador Maximino Viaño; profesionais do sector e representantes da distribución, restauración e consumidores; así como medios de comunicación nacionais e galegos. Ao remate tivo lugar unha degustación de Ternera Gallega e Vaca Galega e doutros produtos autonómicos con indicativo de calidade.
“Desde esta nova sede seguiremos traballando máis ca nunca, se cabe. Apostaremos polo control e pola promoción e divulgación, como as nosas principais razóns de ser. Renovaremos e ampliaremos os convenios de colaboración coa distribución; xeraremos contidos para que os consumidores nos coñezan e nos valoren; formaremos a mozos gandeiros e profesionais da carne e da gastronomía nas nosas aulas e cociña; recibiremos a escolares, consumidores e medios de comunicación; e sobre todo estaremos sempre abertos a todos os que forman a IXP. Tamén estamos dispostos a compartir estas instalacións que nos enchen de orgullo para desenvolver actividades con outros produtos galegos de calidade, na busca de sinerxías que nos axuden e potencien a todos”, destacou na súa intervención Jesús González.
“Desde a Xunta de Galicia estamos plenamente comprometidos con apoiar aos nosos gandeiros e industrias. Esta é unha riqueza á que non queremos renunciar, por todo o que representa a nivel económico, pero porque é tamén un dos nosos sinais de identidade. Por iso, é o noso deber, e creo que o de todas as administracións, exercer como facilitadores e achegar apoios, e nunca ao contrario. Confío en que, co elevado compromiso e profesionalización dos nosos produtores, a implicación decidida do Consello Regulador, e co apoio das administracións, Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego, seguirán sendo durante moitos anos máis un exemplo de como facer as cousas ben e todo un referente de calidade”, sinalou Alfonso Rueda na súa intervención durante o acto de inauguración.
Pedro Blanco subliñou que a inauguración desta sede "é símbolo de éxito e reflexo do que queremos que sexa o campo en Galicia". Neste senso, remarcou o carácter estratéxico da gandería extensiva, "un modelo de produción arraigado ao territorio que para nós é prioritario" e subliñou que "este Goberno sempre estará ao voso carón, do lado das explotacións galegas, porque facelo é apostar por un rural vivo", como defenden con orgullo entidades como Ternera Gallega.
A tenente de alcaldesa, Pilar Lueiro, destacou que “neste selo de calidade pervive, alén do volume de negocio cuantificado en millóns de euros, outro tipo de riqueza, que é a que xera unha actividade produtiva que conecta co coidado do medio, coa fixación de poboación, co mantemento de base territorial activa e mesmo coa prevención de incendios. Unha calidade que fala dunha tradición que manteñen viva miles de gandeiros e de gandeiras ao longo e largo do país, o que significa que manteñen vivo ese rural que foi, e que segue sendo, a columna vertebral da nosa sociedade e da nosa identidade cultural”.
Ao servizo do sector
A nova sede do Consello Regulador está situada na entrada da capital galega polo Camiño Francés, na saída norte da Autopista do Atlántico, ben visible, con boas comunicacións de acceso e construída respectando os materiais tradicionais e as cores corporativas. A ubicación é idónea e outórgalle á vez unha función comunicativa e chea de visibilidade.
Articulada en catro niveis, no semisótano están os almacéns, vestiarios e cuartos técnicos. Na pranta baixa emprázanse a zona de recepción con despachos de apoio, a sala de formación con cociña e zona de degustación e o salón de actos. No primeiro andar están as oficinas cos diferentes postos de traballo e tamén salas de reunión de uso común. Finalmente, o baixo cuberta alberga a sala de reunións do pleno do Consello Regulador.
Desde hoxe, esta nova sede permanecerá á disposición do sector de vacún de carne de calidade de Galicia, que conta con máis de 8.200 produtores e máis de 100 industrias cárnicas inscritas, así como preto de 1.700 establecementos de venda espallados polo territorio español, onde se distribúen máis de 23.000 toneladas de carne certificada pola IXP, significando un 58 % da carne con indicativo de calidade que se comercializa en España.