As xornadas informativas sobre a plataforma DIXITEGA realizaranse en 5 localidades
Lugo, Becerreá, Vilalba, A Gudiña e Santiago acollerán, entre xuño e xullo, as xornadas informativas sobre a plataforma de dixitalización da cadea de valor de Ternera Gallega, DIXITEGA. Estas charlas, dirixidas aos gandeiros e gandeiras inscritos na IXP, abordarán o funcionamento da plataforma, que conxuga diferentes fontes de información relevantes para o sector, ademais de tratar outras ferramentas de interese e gratuítas, como ‘Contacarne’.
As persoas interesadas deben apuntarse a través deste enlace. A inscrición farase por orde de solicitude ata completar o aforo, de 40 prazas en cada localidade. Cunha duración de 2 horas, o programa das xornadas é o seguinte:
18:30-18:40.- Benvida
18:40-19:00.- Presentación da plataforma DIXITEGA. Gradiant
19:00-19:20.- Ferramenta de control de custos nas produción de carne: aplicación Contacarne. Fundación Juana de Vega
19:20-19:40.- Servizos gratuítos de apoio a transformación dixital no sector agrogandeiro en Galicia. DIH DATALife
19:40-20:00.- Actualidade da IXP Ternera Gallega. Consello Regulador Carne de vacún de Galicia
20:00 a 20:30h.- Petiscos e tempo de intercambio
No caso de que no momento da inscrición o aforo estea cheo, a persoa quedará en lista de espera e recibirá notificación se volvese a haber sitios dispoñibles.
Unha ferramenta con información relevante
Desde o ano 2022, o Grupo Operativo de Innovación DIXITEGA, executado ao abeiro da convocatoria de Grupos Operativos das AEI do PDR 2014-2020, desenvolveu, xunto co sector, unha plataforma que integra de forma intuitiva diferentes datos, desde o custo das materias primas, a evolución dos prezos, a oferta e tipoloxía dos animais dispoñibles para comercialización ata as estatísticas de produción, sacrificio e consumo de carne.
A plataforma, que estará dispoñible de forma gratuíta desde a páxina web de Ternera Gallega a partir de setembro, é un primeiro paso para a creación, no sector cárnico galego, dun ecosistema dixital aberto e transparente, onde os datos e os servizos poden estar dispoñibles e ser compartidos.
Estas xornadas serán tamén unha oportunidade para coñecer outras ferramentas de apoio que as ganderías de carne teñen a súa disposición de maneira gratuíta para avanzar na dixitalización e profesionalización do sector.