Ternera Gallega incide na promoción directa nos puntos de venda

Dentro do seu labor promocional, a Indicación Xeográfica Protexida está a afondar en accións directas ante os consumidores nos puntos de venda que comercializan a carne amparada. Diversas actividades publicitarias, tanto en tenda física coma no ámbito dixital, estanse a desenvolver desde o mes de marzo co obxectivo de achegarse, no momento da súa compra, aos clientes destes establecementos, que suman 1.675 en toda España. 

No ámbito da gran distribución, estanse planificando diferentes tipos de iniciativas: desde sorteos vinculados á adquisición da carne certificada, que alcanzaron preto de 270.000 impactos, ata a entrega de material de merchandising, repartindo máis de 40.000 bolsas reutilizables entre os compradores. Ternera Gallega tamén leva esta planificación promocional ás tendas web dalgunha das cadeas, mediante anuncios sobre o produto amparado cando o usuario fai a súa compra online.

Ademais, en diversos establecementos, de Galicia e doutras zonas como Mallorca ou Marbella, a IXP está a ofrecer degustacións en directo durante xornadas completas. Nestas accións, divúlgase a calidade da carne certificada, incídese na importancia de fixarse nas etiquetas que a acompañan como aval da súa orixe e amósase a súa versatilidade culinaria ofrecendo diferentes receitas e poñendo en valor as pezas menos coñecidas.

Coas carnicerías tradicionais

O impulso promocional durante estes meses tamén se enfoca no comercio retallista. As carnicerías tradicionais con acordo coa IXP, máis de 120 en toda España, recibirán material de merchandising co obxectivo de incentivar a compra. Tamén van contar con material de carácter divulgativo e de imaxe corporativa para que identifiquen correctamente as carnes de Ternera Gallega Suprema e de Ternera Gallega ante os seus clientes e as diferencien doutras carnes de vacún sen selo de calidade.