Actualización do Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega

    • Os cambios do documento afectan ao acabado de Ternera Gallega Suprema e ás condicións de benestar animal 
      
    • Ábrese a posibilidade de conxelar a carne amparada para exportar fóra da UE, mantendo a súa certificación como ‘Ternera Gallega’
      

O DOG publicou, este martes 7 de maio, os cambios do Prego de Condicións da IXP que afectan, por unha banda, aos requisitos de alimentación e manexo de Ternera Gallega Suprema e ás esixencias de benestar animal para todas as categorías e, por outra parte, ás condicións de comercialización da carne certificada fóra da Unión Europea e como ingrediente de produtos elaborados. 

No ámbito da produción, a alimentación dos animais marcados como Ternera Gallega Suprema deberá completarse con concentrados e forraxes, dispostos polas praderías en comedeiros móbiles. Ademais, no caso de que estes tenreiros se sacrifiquen con máis de 8 meses, deberán contar cun período de acabado mínimo de 2 meses, estabulados en recintos pechados e protexidos das condicións meteorolóxicas. Co obxectivo de que as ganderías inscritas teñan tempo para adecuar as súas instalacións a este requisito, márcase un período de adaptación de 2 anos.

En canto ás prácticas de benestar animal, o novo Prego de Condicións da IXP amplía as esixencias sobre a limpeza e a liberdade de movementos dos tenreiros, as condicións hixiénico-sanitarias, o estado dos patios ou as zonas de descanso e as características das construcións do pavimento das explotacións, con pendentes que non poden superar o 5 %. 

Ademais, fíxanse requisitos para o espazo dos animais. Limítase a 40 o número de tenreiros por lote cando dispoñan dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados por cada animal maior de 6 meses e a un máximo de 60 cabezas por lote no caso de contar con 4 metros cadrados por tenreiro. Igualmente, deberá garantirse a calidade do aire dentro das instalacións cunha boa ventilación, a temperatura interior non superará os 35 ºC e os animais terán que dispoñer de luz ambiental como mínimo durante 8 horas ao día. Tamén se favorecerá o pastoreo, con acceso á comida e a auga limpa e en cantidade suficiente. Os comedeiros deben ter, como mínimo, unha lonxitude de 15 centímetros por cada tenreiro maior de seis meses e haberá, polo menos, un bebedoiro por cada 15 animais.

Conxelación e produtos elaborados 

Outro cambio significativo é a posibilidade de conxelar a carne amparada mantendo a certificación da IXP cando o seu destino sexa a exportación fóra da Unión Europea, con excepción de Andorra e Xibraltar. Ata agora a carne conxelada perdía a certificación de Ternera Gallega e non podía comercializarse como tal.

No que respecta aos elaborados, o novo Prego recolle que a carne certificada poida pasar por procesos de conservación, como o secado, o salgado ou a conxelación, mantendo a posibilidade de usar o nome amparado na mención dos ingredientes na súa etiquetaxe. 

Por outra parte, o DOG avanza que se está a tramitar o cambio de nome do Consello Regulador para pasar a denominarse ‘Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega - Boi Galego’.