Convocadas as achegas para o fomento das razas autóctonas galegas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde pola que se convocan 220.000 euros para o fomento das razas autóctonas galegas no 2024, que se concederán ás organizacións e asociacións de criadores. As entidades que poderán beneficiarse son aquelas oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos.
O investimento procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Serán subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.
A finalidade destas achegas é acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; ademais da recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas, da diversificación das actividades económicas no medio rural e de favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas. Tamén procuran o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética das razas.