O sector cárnico analiza os retos de futuro na VII reunión Casal de Armán

O presidente do Consello Regulador, Jesús González, participou nunha nova edición do encontro anual Casal de Armán, que reuniu a preto de 40 representantes do sector cárnico, entre empresas, asociacións, cooperativistas, investigadores, Administración e produtores. Organizada polo Foro Económico de Galicia, nesta cita abordaron os retos do sector, tanto na súa dimensión estatal coma autonómica. 

Catro mesas de traballo trataron desde todas as perspectivas as distintas realidades e problemáticas dun sector primordial, tanto polo volume de facturación coma de emprego, así como pola súa tarefa reguladora do territorio.

O relatorio de apertura, “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”, foi presentado polo director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade. Na súa intervención, lembrou a condición do cárnico coma un sector estratéxico xa que representa un 34 % da produción final agraria de Galicia, con 1.200 millóns de euros de valor en gando, que xestiona case o 50 % da superficie agraria da comunidade e conformado por unhas 43.000 explotacións cárnicas. Andrade tamén sinalou que o sector cárnico está conformado por 192 industrias e que facturou no ano 2020, 1.400 millóns de euros.

Tras este primeiro relatorio, a segunda mesa abordou os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico”, coa participación das interprofesionais do ovino e caprino (Interovic), do Porcino de Capa Branca (Interporc) e de Vacún (Provacuno). A seguinte mesa centrouse na produción galega, coca intervención do presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias) e Pablo Meijomín Hidalgo (Fegapor).

Tamén se falou da produción de razas autóctonas e as pequenas producións, os problemas aos que se enfrontan na actualidade así como os desafíos do futuro, cao intervención de Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Xusto Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).