Avisos dixitais ou por pacto, sistemas para facilitar as xestións dos gandeiros inscritos
Cada vez son máis as explotacións inscritas na IXP Ternera Gallega e na IXP Vaca Galega-Boi Galego que optan polas ferramentas dixitais para realizar os trámites e consultas habituais co Consello Regulador. No 2022, o 21,6 % dos avisos de marcaxe fíxose a través da web de Ternera Gallega ou da aplicación móbil destinada aos gandeiros e gandeiras. Significa un punto porcentual máis que no ano anterior e catro a maiores respecto ao 2020; polo que a familiarización con estas opcións online crece de xeito constante.
Para poder empregar a web ou a app `Ternera Gallega Explotacións´, os produtores inscritos deben contar cun correo electrónico rexistrado no Consello Regulador ou chamar para facilitalo. Unha vez descargada a aplicación no seu teléfono móbil, deberán darse de alta co número de CEA e introducir o seu email. Automaticamente, recibirán nese correo un contrasinal para entrar na app. O mesmo usuario (CEA) e contrasinal serviranlle tamén para acceder á zona privada da web de Ternera Gallega.
Tanto na aplicación como na páxina web, ademais de apuntar ou consultar os avisos de marcaxe, tamén se poden ver os pesos dos canais certificados.
Os novos avisos por “pacto”
Co obxectivo de seguir facilitando estas xestións, a finais do ano pasado o Consello Regulador incorporou ao seu programa de control os avisos por “pacto”. Con este sistema, na mesma visita á explotación, os vedores rexistran xa o seguinte aviso de marcaxe, sen necesidade de que os inscritos teñan que facelo chamando por teléfono ou de forma online. Desta maneira, evítase que queden tenreiros sen marcar por non avisar no prazo regulamentario de 90 días desde que nace o animal.
Na acta de marcaxe que os vedores entregan na gandería, figura este aviso por “pacto” consensuado co titular e a data aproximada que se asigna como referencia. Cabe sinalar que non é o día exacto no que volverá pasar o marcador; esta data asúmese como o día no que a explotación chamaría para deixar o aviso.