Unha nova misión comercial inversa desde Alemaña coñece Ternera Gallega Suprema
Coma é habitual no seu plan de internacionalización, a IXP recibirá a vindeira semana unha nova misión comercial inversa para a promoción da carne certificada. Un grupo de profesionais cárnicos alemáns chegará a Galicia co obxectivo de coñecer o sistema de produción de Ternera Gallega Suprema e o programa de control e trazabilidade que aplica o Consello Regulador para garantir a orixe e a calidade do produto.
A axenda de traballo inclúe unha visita a unha das explotacións inscritas na IXP, onde o grupo poderá ver de preto o traballo dos gandeiros e o sistema de manexo. Un dos inspectores de campo amosaralles tamén como comproba a orixe e as razas dos tenreiros, ademais de verificar a súa correcta alimentación, mantendo a lactación ata os sete meses, e o benestar dos animais.
Continuando coa seguinte fase do programa de control da IXP, estes profesionais cárnicos achegaranse a unha das industrias inscritas para explicarlles a certificación dos canais e a súa correcta etiquetaxe.
A versatilidade das pezas
Esta misión comercial inversa tamén vai contar con formación práctica culinaria. O Consello Regulador ofrecerá aos participantes unha masterclass de cortes alternativos para coñecer as pezas menos habituais, poñendo en valor a súa versatilidade e posibilidades gastronómicas. Con esta actividade, a IXP procura o aproveitamento integral de todo o canal e non só dos cortes de maior tirón comercial.
As misión comerciais inversas permiten divulgar as características diferenciais da carne certificada nun mercado de interese coma é o alemán, logrando que os participantes se convertan nos mellores prescriptores do produto ante os seus clientes.