Ternera Gallega desvela en Alcampo `os segredos´ da carne certificada

A Indicación Xeográfica Protexida ofreceu este mércores un showcooking con degustación no hipermercado de Alcampo no Centro Comercial Vialia, en Vigo. Con Ternera Gallega Suprema coma protagonista, medio centenar de consumidores puideron coñecer os segredos da carne certificada e degustar diferentes preparacións. 

O chef José Manuel Mallón explicou as diferentes pezas do vacún e os usos gastronómicos máis axeitados para cada unha delas. Achegou tamén os mellores consellos para o corte e o tratamento da carne e as técnicas coas que sacarlle o máximo partido no prato. Traballando in situ co produto, resaltou cuestións como a  maduración da carne, coa que lograr a súa maior moleza, ou o temperado, co obxectivo de evitar cambios de temperatura bruscos no produto á hora de cociñalo. En canto ao corte, o chef recordou a importancia de facelo a contrafibra, tamén para ter unha carne máis tenra.

A IXP e as súas garantías

Pola súa banda, o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, destacou a importancia da IXP para o futuro do medio rural, contribuíndo á súa sostibilidade socioeconómica e medioambiental, e incidiu no significado deste selo como aval para o consumidor da orixe e da calidade do produto. A carne certificada por Ternera Gallega sempre inclúe este selo nas súas etiquetas, que a diferencian e distinguen no mercado. 

A etiqueta de cor rosa identifica a Ternera Gallega Suprema, procedente de animais de menos de dez meses e alimentados con leite materno, como mínimo, ata os sete. A etiqueta de cor amarelo certifica a carne de Ternera Gallega, que pertence a animais menores de 12 meses e criados en pequenos cebadeiros familiares. 

Este acción promocional en Vigo estivo precedida por outra charla para consumidores, ofrecida onte no centro de Alcampo en Santiago. A próxima semana, os showcookings de Ternera Gallega chegarán a varios puntos de venda desta cadea en Madrid.