O evento solidario “Estrelas no Camiño” contou coa colaboración da IXP

A Finca Casa Barqueiro (Gonte, A Coruña) celebrou este luns o evento gastronómico e solidario `Estrelas no Camiño de Santiago´, que reuniu a unha trintena de chefs de toda España con ata 73 Estrelas Michelin. A IXP colaborou, xunto co Centro Superior de Hostalería de Galicia e a AGACAL, achegando carne de Ternera Gallega Suprema para unha cita á que asistiron máis de 300 persoas.

Baixo a dirección do cociñeiro José Manuel Mallón, colaborador habitual da Indicación Xeográfica Protexida, os comensais puideron degustar diferentes produtos galegos e con selo de calidade. Ternera Gallega Suprema serviuse en Tataki con queixo DOP San Simón da Costa e en Roastbeef con IXP Pan Galego. Os chefs invitados tamén coñeceron de primeira man a calidade desta categoría comercial nunha grellada con diferentes pezas alternativas, coma o filete de vacío e a tapa da pa, ademais do clásico churrasco de costelar ou entrecosto de lombo alto; actividade que se organizou no CSHG.

Con fins solidarios, a recadación deste ano destínase á Asociación Galega Síndrome X Fráxil, que dá apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade rara de carácter hereditario. Estrelas no Camiño de Santiago é unha cita anual, impulsa por Casa Barqueiro desde o ano 2014. A organización escolle en cada edición unha entidade sen ánimo de lucro á que facer o donativo recadado no evento, no que participan recoñecidos nomes da gastronomía galega e estatal, coma Berasategui, Pepe Vieira, Lucía Freitas ou Pepe Solla, entre outras.