A IXP participa un ano máis na campaña Quere o teu mercado

Esta fin de semana celebrouse unha nova edición de #Quereoteumercado, unha campaña que procura poñer en valor o papel das prazas de abastos nas vilas, punto de encontro de tradicións e modernidade, e destacar a importancia do comercio de proximidade e dos alimentos frescos. A Indicación Xeográfica Protexida colaborou con dúas degustacións de Ternera Gallega Suprema

Unha delas, coma en anos anteriores, ofreceuna a Praza de Abastos de Ourense, tanto o venres coma o sábado. E nesta edición, incorporouse tamén o Mercado de Teis, en Vigo, onde a carne certificada se puido degustar durante a mañá do sábado. 

#Quereoteumercado é o lema galego para unha campaña a nivel internacional, que este ano contou con actividades en 28 mercados de toda Galicia, co obxectivo de atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados locais.

Con orixe no Reino Unido, esta iniciativa desenvólvese noutros países coma Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Portugal, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina, Brasil e Estados Unidos.