Un exemplar inscrito en Vaca Galega-Boi Galego logra un prezo récord en Silleda

7.139 euros foi o prezo que alcanzou na Central Agropecuaria de Galicia unha vaca rexistrada na IXP, sendo a cantidade máis alta pagada por unha femia de vacún maior neste mercado. 

O exemplar, de raza Rubia Galega e con selo Vaca Galega-Boi Galego, naceu en febreiro do 2013 e pertencía a unha explotación de O Pino (A Coruña).

A certificación do produto amparado

Para que a carne saia ao mercado baixo a certificación de Vaca Galega-Boi Galego, os animais deben nacer, criarse e engordarse en Galicia, ademais de sacrificarse e despezarse tamén na comunidade, en industrias inscritas no Consello Regulador. 

Cumpridos os requisitos de conformación e engraxamento establecidos no Prego de Condicións da IXP, o produto comercializarase como `Vaca Galega´ ou `Boi Galego´ baixo as etiquetas e certificados da denominación. Son estes elementos os que garanten ao consumidor a orixe e a calidade da carne e permiten identificala no mercado, evitando enganos ou confusións con outras. 

Os animais inscritos na IXP

No campo, para poder inscribir os animais dentro da IXP Vaca Galega-Boi Galego, as vacas deben ter polo menos unha xestación e os bois, estar castrados antes do ano e superar os 48 meses cando se sacrifiquen. Admítense as razas autóctonas: principalmente a Rubia Galega e as Morenas Galegas. Tamén se inclúen outras razas asentadas desde hai décadas na comunidade, coma a Asturiana de los Valles, a Limousin, a Rubia de Aquitania, a Frisoa e a Pardo Alpina; tanto en pureza como cruzadas entre si. 

A alimentación dos animais rexistrados baséase no aproveitamento dos recursos das ganderías, mediante o pastoreo, o consumo de forraxes (un 80 % debe proceder de Galicia), tanto frescos como conservados. A ración alimentaria pode completarse con fariñas de cereais e pensos de orixe vexetal aprobados previamente polo Consello Regulador e é preciso un período de acabado mínimo de 6 meses.

A Indicación Xeográfica naceu no ano 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto de alta relevancia como é o vacún maior que se produce en Galicia, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se vén facendo desde hai máis de 30 anos na IXP Ternera Gallega.