O sector agrario e a Xunta reclaman ao goberno central que rectifique as axudas pola seca 

O presidente do Consello Regulador, Jesús González, asistiu á reunión coa consellería do Medio Rural e con asociacións e sindicatos agrarios na que acordaron reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha reunión urxente para tratar as axudas pola seca que, consideran, discriminan aos gandeiros galegos. Ademais, decidiron crear un grupo de traballo para analizar os sectores máis prexudicados pola seca e os seus efectos de cara a aprobar, se fose necesario, medidas directas de apoio por parte da Xunta.

Segundo destacou o conselleiro, José González, o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias ao decidir as achegas directas que deixarán aos gandeiros galegos cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva. Tamén cuestionou que as zonas de afección veñan delimitadas por autonomías, sen atender aos datos técnicos de precipitacións.

Así, o sector e a Xunta crearán un grupo de traballo para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados pola seca, tendo en conta que a maioría dos insumos proceden de rexións máis afectadas pola falta de choivas e que en casos coma a palla triplicouse o seu prezo.

Axudas para os gandeiros de Ternera Gallega Suprema

Noutra reunión coa asociación Gandeiros Galegos da Suprema, o conselleiro tamén comprometeu unha liña de axudas directas ligada á produción desta categoría comercial da IXP, co obxectivo de apoiar ás explotacións en extensivo de carne de vacún de calidade e que poidan facer fronte ao incremento dos custos de produción. Por outra banda, tanto a asociación, que está a realizar diversas manifestación en Lugo, coma a Consellería incidiron na importancia de reclamar ao Ministerio que aumente as axudas por vaca nutriz.