O mellor steak tartar de España elabórase con Boi Galego certificado

O cociñeiro Héctor López, do Restaurante España (Lugo) e colaborador habitual da IXP Vaca Galega-Boi Galego, recibiu o premio ao mellor steak tartar a nivel estatal no certame organizado polo Fòrum Gastronòmic de Girona. Un prato que prepara con carne certificada pola IXP e para o que emprega, ademais, unha peza singular.

O steak tartar soe elaborarse co solombo, pero Héctor López, como amosa habitualmente nos showcookings da IXP, escolle outro tipo de cortes. Nesta ocasión, empregou unha picaña de Boi Galego, co que expuxo a versatilidade das diferentes pezas do vacún e a calidade da carne certificada. Ademais, o produto contaba co distintivo de Selección, co que o Consello Regulador certifica os canais que destacan pola súa infiltración e cobertura graxa, cualidades moi valoradas no vacún maior.

O xurado valorou o sabor e a textura desta receita, que uniu a orixinalidade da peza escollida co tradicional dos demais ingredientes: xema de ovo, mostaza, salsa Perrins, aceite de oliva e especias picantes. 

E non só a súa preparación mereceu ser galardoada, tamén recibiu o premio á mellor presentación, xa que o Restaurante España serve o steak tartar sobre óso de cana á grella, o que lle suma untuosidade e tempera a carne.