Comeza o prazo de presentación de candidaturas para as eleccións ao Consello Regulador

Continúa avanzando o calendario electoral marcado na orde do DOG que dita as normas para a renovación dos órganos de goberno das IXP e DOP. Desde este venres 23 e ata o 5 de xaneiro, poderán presentarse as diferentes candidaturas ante o Consello Regulador. Tamén será o día 5 cando se expoñan os censos definitivos. Rematado o prazo para achegar reclamacións sobre os censos provisionais expostos desde comezos deste mes, o CRIXP de Carne de Vacún de Galicia non recibiu ningún requirimento ao respecto.

Á volta do Nadal, o 12 de xaneiro, proclamaranse provisionalmente as candidaturas por parte do Consello Regulador e exporanse publicamente na súa sede en Santiago. O martes 17 rematará o prazo para presentar reclamacións sobre estas candidaturas ante o Consello, que debe resolvelas como día límite o 20 de xaneiro. A Xunta Electoral proclamará as candidaturas definitivas o venres 27. 

No caso de acordo por parte dos candidatos, deberán presentalo, como tarde, o 2 de febreiro. Ao día seguinte comezaría a campaña electoral e a votación sería o domingo 19 de febreiro.