A campaña promocional de Suprema, nos puntos de venda

Tanto as carnicerías tradicionais como os supermercados da gran distribución seguen a acoller a campaña de Ternera Gallega Suprema, co obxectivo de conectar co consumidor directamente no momento da súa compra e achegarlle as características diferenciais da carne amparada. Os establecementos con acordo de colaboración para a venda desta categoría comercial contan con diferentes materiais de imaxe corporativa e de merchandising para destacar a calidade do produto certificado como Suprema, facendo fincapé nas etiquetas de cor rosa que o identifican.

Diversos elementos de cartelaría, displays e promosttoppers poden verse nos puntos de venda de Ternera Gallega Suprema, con especial presenza da campaña en Galicia e en Madrid. Estes elementos distinguen a carne desta categoría comercial, poñendo en valor a súa orixe, o seu método de crianza e a súa versatilidade na cociña, pensando tanto no consumidor xeral como no sector profesional da restauración. 

Así mesmo, diferentes cadeas de distribución de ámbito autonómico e nacional fanse eco da campaña de Suprema nos súas propias canles de comunicación cos seus clientes, tanto en medios dixitais como en redes sociais, e emiten o novo spot nos seus establecementos. Estes diferentes soportes inciden na calidade da carne amparada, recalcando a lactación materna dos animais ata os sete meses e o sabor e a moleza da carne certificada. 

Campaña publicitaria de Suprema

Esta acción promocional de Ternera Gallega Suprema nos puntos de venda complementa a campaña de medios que comezaba o pasado mes de outubro co novo anuncio e a imaxe publicitaria de Suprema, onde o foco se pon no traballo dos gandeiros desta categoría e na versatilidade culinaria da carne que producen. 

A campaña publicitaria cubriu todo o espectro da comunicación audiovisual. Cunha gran aposta pola televisión, o anuncio, de diferentes duracións, emitiuse nas principais cadeas nacionais; pero tamén nas canles temáticas, autonómicas e locais. Chegou igualmente á radio, á prensa xeralista e especializada e á contorna dixital. Neste ámbito, abarcou desde os medios de comunicación xerais e revistas gastronómicas ou de lifestyle ata a radio en liña e diferentes podcasts