Gómez Noya colabora con Ternera Gallega na Carreira Camiño das Letras

Este 17 de maio volveu celebrarse en Santiago a Carreira Camiño das Letras, que chegou á súa oitava edición. Unha proba, con carácter solidario, que a IXP patrocina de xeito habitual e que, nesta ocasión, contou tamén coa presenza do embaixador de Ternera Gallega, Javier Gómez Noya. O campión do mundo de tríatlon non puido correr por recomendación médica, pero si entregou os premios e compartiu tempo cos demais participantes, aos que esperaba unha degustación de carne certificada ao remate da proba.

A carreira absoluta tivo un recorrido de 15 quilómetros dende o Pico Sacro, ao longo da Ruta da Prata, ata a Cidade da Cultura. Para os que preferiron unha distancia máis corta, ofreceuse unha proba de 5 quilómetros polo Gaiás e o Bosque de Galicia na que, ademais das categorías absoluta e sénior, uníronse xuvenís e cadetes. Tralas diferentes carreiras, os inscritos acudiron á degustación de Ternera Gallega e compartiron conversa co triatleta, que firmou autógrafos e sacou fotografías cos participantes. 

Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e diferentes organismos e empresas, a Carreira Camiño das Letras une a práctica deportiva e a conmemoración da cultura galega, mediante o simbolismo do Camiño de Santiago. Ademais, un euro de cada inscrición destínase á Federación Galega de Dano Cerebral.