Ternera Gallega acode ás Xornadas Técnicas de Origen España

A Asociación Española de Denominacións de Orixe reúne aos seus membros na localidade de Bedmar, coa DO Sierra Mágina como anfitrioa. Dende o mércores, os representantes das principais IXP e DOP de todo o país celebran as súas Xornadas Técnicas e a Asamblea Xeral da organización, sendo a primeira vez que un Consello Regulador de Aceite de Oliva Virxe Extra acolle esta cita.

O presidente de Ternera Gallega, Jesús González, que tamén exerce a presidencia de Origen España, destacou que estas xornadas son un foro de encontro para todo o sector agroalimentario de calidade diferenciada, reunindo a un gran número de DOP e IXP para analizar temas de interese xeral. Gonzalez sinalou que se concretarán proxectos que redunden en beneficio destas figuras de protección europea. Como lembra, o número de asociados creceu considerablemente nos últimos anos, polo que cada vez hai máis cuestións técnicas nas que participar como representantes sectoriais.

Temáticas de interese

Nas Xornadas Técnicas, as charlas abarcaron distintas temáticas; comezando pola de Joaquín Araújo, campesiño e escritor, encargado da conferencia “Territorio, natureza e orixe dos alimentos”. O seguinte relatorio abordou “A protección nacional e internacional dos nomes das DOP e IXP, e a súa convivencia con outras marcas colectivas”, mentres que a parte internacional correou a cargo do director xeral de oriGIn -Organization for an International Geographical Indications Network, que falou dos retos e oportunidades dos selos de calidade. 

Pola súa banda, o representante para Europa do Consello Regulador do Tequila informou sobre o acordo coa empresa Heineken para o uso da palabra “tequila” na Cervexa Desperados; para dar paso a cuestións de promoción na conferencia sobre “As DOP e IXP como figuras de diferenciación nunha estratexia de marketing”. Ademais, dende o ICEX informaron dos seus instrumentos de apoio á exportación destes alimentos de calidade diferenciada.

A xornada deste venres dedicarase á Asamblea Xeral anual de Origen España. 

Sierra Mágina

A DO Sierra Mágina destacou que este encontro supón unha oportunidade para que os profesionais de marcas de calidade de todo o país coñezan a comarca e comproben como se fai a recolección e elaboración dos primeiros aceites no propio territorio. Significa, polo tanto, un gran escaparate para difundir como traballan nos oliveirais e nos muíños de aceite, ademais de achegarse ao labor das cooperativas e do equipo técnico do Consello Regulador.