Ternera Gallega, en diferentes citas deportivas e culturais

A IXP comezaba o mes de setembro inmersa na Volta ciclista, coa que percorreu diversas localidades de toda España e que remataba o pasado domingo en Santiago, como conmemoración do Ano Santo. No stand de E para comer, Lugo, a carne certificada estivo presente nos puntos de saída de cada unha das 21 etapas da proba, acompañada doutros alimentos galegos de calidade. 

Xunto con ACRUGA, a Indicación Xeográfica Protexida promocionou a categoría comercial Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Galega, que se presentou en diferentes pezas e preparacións. Cortes como a croca, a folla branda, o corte redondo ou a febra miúda servíronse en guisos ou estufados e en rosbif, dando conta da versatilidade do produto amparado. 

Esta é unha cita xa tradicional para Ternera Gallega, que cumpre 9 anos participando na Volta ciclista; na que, nesta edición, se disputaron 3 etapas en Galicia. A IXP respalda de xeito habitual diferentes citas deportivas, tanto a nivel autonómico como estatal, co obxectivo de promover hábitos saudables que combinen unha alimentación equilibrada coa práctica de deporte. 

Nesta liña, a Indicación Xeográfica Protexida tamén apoiou esta fin de semana a proba de natación Triple Corona Illas Atlánticas, que percorre unha distancia de 23 km entre a illa de Ons e Combarro. O Consello Regulador promocionou Ternera Gallega neste evento aportando produto para a demostración culinaria e material de merchandising.

Tamén coa cultura galega

Como novidade este ano, a IXP estará presente no FICBUEU, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que celebra a súa 14ª edición. Esta cita cultural quere poñer en valor a gastronomía galega entre os seus participantes e convidados, que poderán coñecer a calidade da carne de Ternera Gallega mediante unha demostración culinaria, acompañada tamén de material promocional e informativo. 

Do mesmo xeito e como en anos anteriores, a carne certificada volverá esta fin de semana ao Festival da Luz en Boimorto, compartindo mesa cos demais alimentos galegos con DOP e IXP na Gastroteca da Agacal.