A carne certificada sérvese no regreso da feira de Silleda

Esta fin de semana volveu unha nova edición da feira Salimat, nunha convocatoria especial debido á pandemia. O 24º Salón de Alimentación do Atlántico celebrouse en Silleda entre o venres e o domingo, de xeito paralelo á Semana Verde. Da man da Xunta, Ternera Gallega estivo presente nesta cita xunto a outros produtos galegos con IXP ou DOP.

Na Aula de Catas da feira, diferentes cociñeiros galegos ofreceron múltiples propostas gastronómicas cos alimentos autonómicos como protagonistas. Tanto peixes como mariscos, conservas, sobremesas, verduras e froitas, combinaron cos selos galegos de calidade para ofrecer menús do máis variado. No caso da IXP, foi o sábado cando se puido degustar a carne certificada. A chef Criselda Iglesias, da Taparía Lecer en Cangas, elaborou un guiso de xarrete de Ternera Gallega e kombu. As navallas e as “verduras do litoral”, xunto coa IXP Tarta de Santiago e a DOP Queixo do Cebreiro, completaron o menú, maridado con viño da DO Valdeorras.

Por outra banda, as razas autóctonas galegas tamén estiveron presentes de novo na Semana Verde de Silleda, tanto na súa exposición como no seu programa de actividades. No caso do vacún, houbo unha mostra de 50 exemplares das Morenas Galegas e 24 de Rubia Galega.

A feira de sempre nunha data especial

Aínda que o Salimat e a Semana Verde se celebran normalmente en xuño, esta edición adiouse debido á pandemia e recuperará no 2022 as súas datas habituais. Adaptándose ás medidas sanitarias e de seguridade, a feira buscou que os expositores puidesen rendibilizar a súa presenza e o público gozar da cita, á que asistiron preto de 57.000 persoas durante os tres días de celebración.