Ternera Gallega volve percorrer España coa Volta ciclista

Un ano máis, e xa son nove, a IXP participa na Volta ciclista, que nesta ocasión terá máis sabor galego ca nunca. Na súa 76ª edición, sairá o sábado 14 de agosto de Burgos e vai rematar o 5 de setembro en Santiago, conmemorando o Ano Santo. Como é habitual, Ternera Gallega estará presente nesta destacada cita deportiva xunto a E para comer Lugo, que vai ofrecer diversas demostracións culinarias con produtos da provincia en cada etapa da carreira. 

En colaboración con ACRUGA, a Indicación Xeográfica Protexida promocionará mediante esta iniciativa a carne certificada baixo a categoría comercial Ternera Gallega Suprema – Carne de Rubia Gallega. Presentaranse varias pezas da perna, como a croca, a folla branda, o corte redondo ou a febra miúda, que se servirán en diferentes preparacións: en guiso, estufados e en rosbif. Unha variedade de usos culinarios que vai amosar a versatilidade dos cortes de Ternera Gallega. 

Unha Volta moi galega

Nesta edición, a Volta componse de 21 etapas, nas que cubrirá unha distancia de case 3.340 quilómetros. Será un percorrido máis amplo, que vai levar a proba a nove comunidades autónomas e que, ademais, porá en valor o patrimonio cultural español. Este ano denomínase “A Volta das Catedrais”, por saír da de Burgos, que celebra o seu VIII centenario, e rematar na de Compostela, en pleno Xacobeo.  

A proba decidirase en Galicia posto que as tres últimas etapas discorrerán por territorio autonómico, A antepenúltima vai ter a meta en Monforte de Lemos, a seguinte viaxa de Sanxenxo a Mos e a etapa final será unha contrarreloxo desde Padrón a Santiago.