Ternera Gallega participa por segundo ano na campaña Come local

Co obxectivo de promover os alimentos galegos con IXP e DOP nos comedores escolares, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) volveu poñer en marcha a campaña “Come local”, na que participa Ternera Gallega, xunto con outros consellos reguladores. Esta iniciativa tivo unha grande acollida na súa primeira edición, coa implicación dunha quincena de centros educativos das catro provincias galegas.

Nesta ocasión, sumáronse outros 16 colexios, onde se realizaron diversas degustacións dos alimentos amparados polos selos de calidade e se impartiron charlas informativas, para que os cativos saiban distinguir as súas etiquetas e coñezan a importancia de consumir produtos de proximidade pola súa relevancia para futuro do rural galego. 

A formación tamén se dirixiu aos cociñeiros e responsables dos comedores adheridos á campaña, incluíndo asesoramento sobre os menús e as características nutricionais dos produtos certificados e como incorporalos ao comedor de forma continua. Tamén se traballou con eles na xestión dos custos dos ingredientes de cada prato para que logren un bo control dos gastos á hora de programar os menús.

Igualmente, os profesores recibiron fichas didácticas sobre as IXP e DOP galegas para introducilas no programa de estudos e as asociacións de ANPAS participarán na campaña mediante xogos e concursos. "Come local" terá a súa continuación nos primeiros meses do vindeiro curso.