Ternera Gallega imparte un seminario no Obradoiro de emprego de Vilanova de Arousa

O Consello Regulador continúa espallando o seu programa formativo dirixido a diferentes escolas de cociña e talleres de emprego. A última cita recalou no Obradoiro Mar de Santiago, que organiza o concello de Vilanova de Arousa para formar en Hostalaría ás persoas mozas durante un ano. En total, 16 alumnos de menos de 30 anos participan neste taller; oito deles no módulo de cociña e outros oito no de servizos de sala.

Como é habitual, o seminario de Ternera Gallega contou cunha parte teórica, na que o director de Promoción, Luis Vázquez, explicou que é unha Indicación Xeográfica Protexida e as características de definen o vacún de calidade de Galicia. Falou do traballo tradicional dos gandeiros inscritos e de como crían os seus tenreiros, lembrando as razas admitidas, a alimentación que reciben e o seguimento do seu benestar animal. Tamén destacou o sistema de control e trazabilidade que Ternera Gallega aplica en todas as fases da produción, tanto nas ganderías e nas industrias como nos puntos de venda, para asegurar a calidade da carne certificada e o seu correcto etiquetado.

Coñecidas as cualidades que diferencian a Ternera Gallega, os alumnos pasaron á práctica, traballando eles mesmos co produto amparado para aprender técnicas de corte e métodos de preparación, como o temperado ou a maduración da carne. Así, puideron familiarizarse coas diferentes pezas do vacún, os seus usos gastronómicos e o cociñado máis apropiado para cada unha delas, co obxectivo de lograr o mellor aproveitamento do produto.  

Formación de futuro

Nunha zona cun importante enfoque turístico como é a do Salnés, este Obradoiro quere formar a profesionais da hostalaría para un sector que precisa deles e aspira a que a maior parte dos estudantes saia da escola con traballo. Financiado polo Fondo Social Europeo, a Xunta e o concello de Vilanova, o taller impártese no Pazo de Vista Real, construído no século XVIII e que fora adquirido nos anos 90 polo clan dos Charlíns. Agora, as instalacións albergan diferentes cursos ao longo do ano para ampliar os horizontes laborais dos seus alumnos.