A carne certificada pecha os “Xantares de Vagar” en Allariz

O último evento de “Xantares de Vagar” recalou no Hotel Oca de Allariz esta fin de semana da man do cociñeiro Gerson Iglesias. Conclúe así un ciclo de encontros culinarios dirixidos a bloggers e instagramers, nos que se puxeron en valor as cualidades diferenciais dos alimentos galegos con selo IXP e DOP. Un percorrido polas 4 tempadas gastronómicas que visitou tamén as 4 provincias galegas.

Nesta ocasión, a cita evocou os alimentos do inverno, tomando como prato principal a carne da IXP Ternera Gallega, que realzou o seu sabor xunto a outros produtos con selo de calidade, xa que o chef presentouna lacada con Mel de Galicia e viño do Ribeiro e acompañada con Pataca de Galicia. 

Cumprindo coas restricións precisas, un máximo de 20 persoas degustaron o menú, que abriu boca con queixo da DOP San Simón da Costa. O cociñeiro propuxo degustalo de dúas maneiras: con Pan de Cea, de primeiro, e cunha crema da IXP Grelos de Galicia, de segundo. Pratos regadas con viño brando da IXP Viño da Terra Val do Miño-Ourense e tinto da DO Ribeiro. Para rematar, o punto doce púxoo a IXP Tarta de Santiago con xelatina de Augardente de Galicia. 

Non é a primeira vez que Ternera Gallega participa nestes Xantares de Vagar, organizados por Slow Food Compostela da man da Agacal. En outubro, o menú da tempada de verán ofreceu un braseado de agulla certificada pola IXP.