As industrias e ganderías inscritas seguen traballando para garantir o abastecemento

O sector gandeiro e o cárnico manteñen a súa actividade para continuar proporcionando alimentos frescos aos consumidores. Dentro do Consello Regulador, as ganderías e as industrias inscritas seguen realizando o seu traballo, adaptándose ás normas de prevención e seguridade recomendadas polas autoridades, posto que o sector agrogandeiro é fundamental nestes momentos.

As industrias

En canto ao abastecemento no mercado, os consumidores poden estar tranquilos. As industrias inscritas seguen traballando, cumprindo os protocolos de prevención necesarios, para subministrar carne aos establecementos das diferentes cadeas de distribución de toda España e a outros puntos de venda, como carnicerías tradicionais.

Os inspectores das IXP continúan co seu traballo habitual de certificación nas industrias, de forma que o sistema de control e trazabilidade, sobre a carne e o etiquetado, mantense coma sempre, asegurando a calidade. 

No campo

As ganderías inscritas traballan con normalidade. O abastecemento de materias primas quedou garantido polo goberno, xa que o límite de movementos afecta ás persoas, pero non ás mercancías. E así o acaba de reiterar tamén o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Nese sentido, a asociación galega de fabricantes de penso (Agafac) asegura o subministro necesario para as explotacións da comunidade. Feito de interese para as explotacións das IXP, posto que para a alimentación dos seus animais poden empregar pensos de orixe vexetal aprobados polo Consello Regulador. Igualmente, mantense con normalidade e de xeito regular a saída dos animais cara aos matadoiros.

De momento, nas ganderías inscritas, a identificación dos animais por parte dos inspectores do Consello quedou aprazada, pero retomarase en canto a situación volva á normalidade. Un aprazamento que non afecta aos avisos de marcaxe. Os gandeiros e gandeiras inscritos deben seguir deixando estes avisos polas vías online e telefónicas xa comunicadas.

O Consello Regulador incide en que as explotacións inscritas deben manter as medidas de bioseguridade habituais e incorporar as novas pautas que aconsellan as autoridades, como respectar a distancia de seguridade, evitar a confluencia de varios traballadores xuntos ou o uso de luvas.