O Consello Regulador colabora co Premio de investigación Stephen Hawking

O Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago, entrega hoxe os seus premios Stephen Hawking para investigadores novos, cos que colabora Ternera Gallega, dentro da política de Responsabilidade Social Corporativa da IXP. Na súa terceira edición, o galardón ten como figura de referencia e coordinadora á catedrática de Física atómica Teresa Rodrigo, que acudirá ao centro para premiar aos gañadores.

Durante a mañá de hoxe, os alumnos participantes, estudantes de bacharelato e secundaria, exporán os seus traballos de investigación; que este ano tiveron como tema a desenvolver "Exploración". Son 24 as propostas seleccionadas, pertencentes aos institutos Rosalía de Castro, Xelmírez I e II de Santiago; Pintor Colmeiro de Silleda; Blanco Amor de Ourense; Ramón María Aller de Lalín; Ramón Cabanillas de Cambados e o Colexio Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense. Os seus traballos serán avaliados por dous xurados, composto por 5 membros cada un, relacionados coas áreas de Física, Matemáticas, Bioloxía, Química e Enxeñería e coordinados polo profesor da USC Carlos Pajares. 

As mellores propostas científicas recibirán o Premio Stephen Hawking esta noite, nun acto no que intervirán, ademais de Teresa Rodrigo e Carlos Pajares, o reitor da USC, Antonio López, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o director do Instituto Rosalía, Xavier Mouriño. 

Científica de referencia

Teresa Rodrigo é, desde 1994, catedrática de Física atómica da Universidade de Cantabria; ademais de directora do Instituto de Física da mesma comunidade autónoma, desde hai 4 anos. Tamén foi a primeira física española en formar parte do CERN e dirixiu un dos equipos que colaborou no descubrimento do bosón de Higgs.