Ternera Gallega regresa este domingo ao Salón de Turismo Gastronómico de Ourense

Coma nos últimos anos, a IXP impartirá un novo taller culinario en Xantar, que desde este mércores e ata o domingo celebra a súa 21º edición. Será, precisamente, na última xornada da feira cando Ternera Gallega ofreza este obradoiro profesional sobre os cortes singulares e a cociña saudable e de aproveitamento, que dará inicio ás 12:30 horas na Aula de Medio Rural.

O chef José Manuel Mallón vai dirixir a actividade en base a diferentes pezas da carne amparada e con propostas culinarias moi diversas. Na procura dunha gastronomía máis sostible, algunhas das receitas aportarán ideas para evitar o desperdicio de alimentos e aforrar tempo na cociña, aproveitando as sobras doutras elaboracións. 

A versatilidade de Ternera Gallega demostrarase con cortes como a tapa da pa ou ou a bavette, entre outros; descubrindo así pezas pouco habituais pero con resultados culinarios á altura das máis coñecidas. E como broche final, o chef vai ofrecer un guiso tradicional. Ademais, cada prato acompañarase con viños das DO Valdeorras e Ribeira Sacra.

Como única feira internacional de turismo gastronómico de toda España, Xantar permite xerar novas oportunidades de negocio para as entidades implicadas neste sector. Este ano, conta con cociñeiros de 5 países e vai contribuír a promocionar a Ribeira Sacra como candidata a Patrimonio da Humanidade.