Gómez Noya e Ternera Gallega promoven a alimentación saudable e o deporte entre os escolares

    • O campión mundial de tríatlon impartiu unha charla coloquio sobre deporte e nutrición a 300 alumnos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela 

    • Esta xornada informativa inclúese na campaña promocional na que o deportista é imaxe da IXP


Javier Gómez Noya, como embaixador de Ternera Gallega, compartiu a mañá de hoxe con 300 alumnos do instituto compostelán Rosalía de Castro, onde protagonizou un coloquio sobre deporte e nutrición co obxectivo de fomentar os hábitos saudables e unha dieta equilibrada entre os rapaces. O campión do mundo de tríatlon estivo acompañado pola nutricionista Yareth Hernández, especializada en calidade e seguridade alimentaria, que expuxo as claves para unha boa alimentación. No acto interviron tamén o presidente de Ternera Gallega, Jesús González, e o director de promoción, Luis Vázquez, para achegar aos estudantes os valores de calidade e orixe que implica unha Indicación Xeográfica Protexida.

Tralas intervencións, Gómez Noya respondeu ás preguntas dos alumnos sobre a súa rutina deportiva e a súa traxectoria e, todos xuntos, fixeron unha pequena carreira ao redor da alameda de Santiago. O encontro rematou cunha degustación de Ternera Gallega e un photocall co triatleta.

Unión gañadora

Esta actividade enmárcase na campaña promocional da IXP da que o deportista é imaxe dende principios do 2018 e que durará, como mínimo, outro ano máis. Xuntos xa recorreron outros puntos da xeografía española, como Madrid e Valencia, divulgando a importancia da alimentación adecuada e o deporte. 

O Consello Regulador apostou por Gómez Noya por representar os valores do traballo, o tesón e a perseveranza, que tamén definen a filosofía e o saber facer dos gandeiros de carne galegos.