O Consello Regulador participa nas xornadas “De camiño ao mundo rural” para loitar contra o despoboamento

Previr o abandono do campo é o obxectivo das Xornadas sobre desenvolvemento e turismo organizadas pola Xunta baixo o título “De camiño ao mundo rural”, e nas que colabora a FAO. Unha cita que arrincou onte, na Cidade da Cultura, cunha primeira presentación das temáticas a abordar e que durará ata o venres, ofrecendo múltiples conferencias e mesas redondas en paralelo. O Consello Regulador participou no programa de hoxe, aportando o seu coñecemento tras 30 anos no sector.

O presidente das IXP, Jesús González, en calidade tamén de presidente de Origen España, formou parte do relatorio “Indicacións Xeográficas e desenvolvemento rural”, no que destacou o relevante papel das Denominacións de calidade na xeración de riqueza para o rural. Nesta conferencia, González estivo acompañado polo director e polo xefe de Calidade Alimentaria do AGACAL, Manuel Rodríguez e Ricardo Rivas, ademais da xefa de Produción Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Mónica de Santos.

A continuación, o secretario do Consello Regulador, José Gómez, participou nunha mesa redonda sobre “Casos de éxito” dos selos de calidade; na que tamén se contou coa experiencia da DO Ribeira Sacra, as DOP Jabugo e Idiazábal e Queixerías Bama, que elabora queixos das Denominacións Arzúa Ulloa e Tetilla. José Gómez repasou o traballo de Ternera Gallega a favor do sector produtor durante os seus 30 anos de vida e subliñou a súa contribución na loita contra o despoboamento rural, gracias ás ganderías inscritas situadas en zonas de media e alta montaña.

Diferentes enfoques, un obxectivo

“Do camiño ao mundo rural” procura unha estratexia conxunta para a repoboación das zonas rurais dende diferentes ámbitos; polo que as conferencias se distribúen en 4 áreas temáticas: a mobilidade da terra e a cuestión demográfica, o turismo rural, o comercio dos produtos do campo e a importancia das mulleres na posta en marcha de iniciativas de emprendemento no rural.

A xornada do venres inclúe tamén unha sesión máis práctica para coñecer a realidade do campo galego, con visitas a varios proxectos innovadores en diferentes puntos de Galicia.

Estas conferencias diríxense a representantes das administracións, profesionais do rural, do turismo e do comercio, pero tamén ao sector privado, a investigadores e centros de tecnoloxía. Conta coa participación de 200 expertos de ámbito nacional e internacional.