Becerreá acolle unha nova degustación de Ternera Gallega

Como cada mes de agosto, o concello de Becerreá celebra a súa tradicional festa de Ternera Gallega, cunha degustación de carne certificada pola Indicación Xeográfica Protexida. Con esta, suma xa a súa XIV edición; na que o concello espera recibir, ao igual que o ano pasado, a unhas 1.300 persoas, para as que ten preparados máis de 400 quilos de carne.

O tenente de alcalde, Claudio Vázquez, destaca que, tras case quince anos, esta festa “segue sendo un éxito”. Unha degustación, sinala, que tamén “se converte nunha homenaxe aos turistas, xa que esta é a época do ano na que Becerreá recibe máis visitantes”.

Unha xornada festiva

A degustación será o vindeiro sábado día 10, a partir das 21:30 horas, cando se comezará a servir a carne á grella. Pero a festa iniciarase antes, xa pola tarde, amenizada con diferentes actividades lúdicas. Ás 18 horas, dará comezo a actuación do Mago Antón; á que seguirá un pasacalle a cargo da charanga Louband, de Sarria. Contra a medianoite, a verbena continuará cun dúo musical.

A IXP colabora nesta Degustación, xunto coa Asociación de Comerciantes de Becerreá e o Concello.