A carne de Rubia Gallega protagoniza as Exaltacións Gastronómicas de Lugo

Entre o 17 e o 26 de maio, as xornadas culinarias organizadas pola Asociación lucense de Empresarios de Hostalería e Turismo (Apehl) dedícanse a Ternera Gallega; concretamente, á categoría Suprema Carne de Rubia Gallega. Produto que se identifica e diferencia pola súa etiqueta rosa e a mención especial á raza da que procede. Durante toda a semana, a carne con este distintivo específico estará acompañada tamén por outros dous alimentos galegos con selo europeo de calidade: a IXP Grelos de Galicia e queixo da DOP Cebreiro.

As Exaltacións Gastronómicas, nas que tamén colabora a Deputación de Lugo, celebraranse ao longo do ano, coincidindo coa última semana de cada mes, e contan coa participación de 51 restaurantes da provincia. Serán, en total, 8 xornadas e cada una se dedicará a 3 ou 4 alimentos con Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Segundo o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, Cheché Real, o obxectivo desta iniciativa “é que tanto os visitantes como os residentes teñan a oportunidade de coñecer a nosa boa materia prima, elaborada e servida polos nosos excelentes profesionais”. O presidente de Apehl destaca que “son produtos que aporta a nosa provincia e moitos deles, tras un gran esforzo e traballo, obtiveron a DO ou a IXP”.

 

Distintivo específico

Ternera Gallega Suprema Carne de Rubia Gallega é a marca que ampara a carne que provén, exclusivamente, de animais que nacen, se crían e se sacrifican na nosa comunidade e que pertencen, en pureza, á raza Rubia Galega; aspecto que certifica ACRUGA, a Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Gallega. Trátase de tenreiros que se alimentan da leite materna, como mínimo, ata os 7 meses, e se sacrifican moi novos, entre os 8 e os 9 meses, polo que se obtén unha carne que se distingue pola súa moleza e o seu sabor.

No mes de outubro, Ternera Gallega volverá a participar nas Exaltacións Gastronómicas de Lugo e, nesa ocasión, estarán presentes tódalas categorías comerciais da Indicación Xeográfica Protexida.