Ternera Gallega colaborou coa campaña “Comedores responsables” nas residencias de maiores

Durante os meses de outubro e novembro, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) promoveu o consumo de alimentos con selo de calidade entre as residencias de maiores da comunidade. Unha iniciativa na que a IXP Ternera Gallega participou achegando produto certificado e información sobre as súas cualidades diferenciais.

Esta campaña, baixo o título “Comedores responsables”, incluíu formación e asesoramento ás persoas encargadas da cociña nas residencias adheridas, co obxectivo de que coñezan a importancia de consumir alimentos locais e de calidade e como identificalos correctamente no mercado mediante as súas etiquetas e os selos das Indicacións Xeográficas Protexidas e das Denominacións de Orixe Protexida. 

Ademais, a campaña ofreceu formación aos responsables de cociña das residencias sobre xestión de custos para ter un maior control dos gastos na elaboración dos seus menús. A nivel nutricional, tamén se divulgaron os coñecementos precisos sobre os produtos de calidade e o impacto do seu consumo na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU. 

En total, a iniciativa chegou a uns 600 residentes dos cinco centros de maiores adheridos á campaña: a residencia Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa), Hermanos Prieto (Carballiño), San Marcos (Santiago de Compostela), Portazgo (A Coruña) e a de Campolongo (Pontevedra).

Por outra banda, o Consello Regulador tamén ofreceu unha clase gastronómica na residencia Raiola, en Santiago, dentro da programación de actividades para os seus usuarios. Ademais de expoñer a forma de produción de Ternera Gallega e as características que distinguen a carne certificada, a IXP deu unha pequena degustación.