Ternera Gallega porá sabor a diferentes citas deportivas, gastronómicas e culturais 

Durante o mes de agosto, a carne certificada pola IXP estará presente en varios eventos, tanto da nosa terra coma de fóra de Galicia. Coma vén facendo nos últimos dez anos, participará na Volta ciclista, que sae o 19 de agosto desde Utrecht e remata o 11 de setembro en Madrid. Aínda que nesta edición a carreira non pasa pola comunidade, o sabor galego está garantido da man da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, que ofrecerá diversas demostracións culinarias nas 21 etapas da proba ciclista.

Ternera Gallega, en colaboración con ACRUGA, promocionará nestas degustacións a súa categoría Suprema – Carne de Rubia Gallega; presentando diversas pezas, coma a febra miúda, o xarrete ou a croca, que se prepararán en guisos de estilo francés, tipo ragú ou fricandó.

De novo en Becerreá

Tras dous anos sen celebrarse, o día 13 regresa ao concello de Becerreá a súa tradicional festa de Ternera Gallega, cunha degustación a partir das 21:30 horas. Alcanzado xa a XV edición, prepararase unha churrascada cuns 400 quilos de carne de Suprema. Estas festas, en honor aos veciños do concello e da comarca de Os Ancares, teñen unha gran acollida e cada ano suman máis visitantes. Na anterior edición, asistiron máis de mil persoas

Obxectivo solidario

A IXP iniciará o mes colaborando co evento “Estrellas Solidarias no Camiño de Santiago”, que reunirá en Casa Barqueiro, en Negreira, a 27 cociñeiros cun total de 69 Estrelas Michelín. Un encontro no que se servirá carne de Ternera Gallega Suprema en diversas propostas, como tataky, filetón de croca e minihamburguesas. Coa asistencia prevista dunhas 400 persoas, a recadación destinarase á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple.

Co deporte e a música

Outras 400 persoas se esperan tamén na regata organizada polo Club de piragüismo “Ribeiras do Tambre” na praia fluvial de Tapia o día 6. Ao remate da proba, Ternera Gallega vai ofrecer unha degustación para os deportistas e o público. 

E a última fin de semana do mes, a IXP participará no Festival da Luz, tamén de carácter solidario, xunto a outros alimentos galegos con selo de calidade. No stand de Experiencias de Calidade da AGACAL, farase unha degustación o día 27 ás 14 horas, na que Ternera Gallega achegará a carne certificada ademais de material promocional e divulgativo.