A IXP colabora con diversos eventos tradicionais e deportivos

Ternera Gallega participa habitualmente nos eventos de exaltación e promoción dos diferentes alimentos galegos con selo IXP ou DOP. Como fai cada ano, esta fin de semana colaborou coa XXIX Festa do Pan de Cea, celebrada no Campo da Saleta de San Cristovo e na que se puxeron á venda 2.000 pezas deste produto.

Na xornada do domingo, Ternera Gallega e outros alimentos de calidade diferenciada acompañaron o Pan de Cea nunha comida popular, amenizada con actuacións musicais, e participaron nunha mostra expositiva destes produtos con Denominación de Orixe. O sábado celebrouse a Ruta dos Fornos, na que os participantes puideron recorrer seis fornos tradicionais, onde tamén se ofreceron degustacións con presenza da carne certificada pola IXP. 

Co deporte

A IXP tamén apoia de xeito habitual diferentes eventos deportivos, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables xunto cunha alimentación equilibrada. Nesta ocasión, colaborou co Let Pádel de Ames, que acolleu a segunda proba do I Circuito Xacobeo Pádel Tour. Ao remate da competición, ofreceuse unha degustación de carne amparada polo selo de Ternera Gallega.