A campaña Come Local levou a carne certificada a máis de 2400 escolares

A terceira edición de “Come local” chega ao final do curso escolar despois de adentrarse nos comedores de 23 centros educativos de toda Galicia. Esta iniciativa da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, coa que colabora Ternera Gallega, promove os alimentos con selo IXP, DOP e os de proximidade entre os alumnos, ademais de formar aos cociñeiros e ás Anpas. Nesta edición, a carne certificada chegou a 15 comedores escolares e a máis de 2.400 estudantes, para os que o Consello Regulador cedeu arredor de 440 quilos de produto.

Tantos os cativos como as asociacións de nais e pais recibiron información sobre a importancia que teñen as producións dos alimentos de calidade diferenciada para o medio rural e o seu futuro, ademais de participar en actividades formativas sobre a súa orixe, as súas características nutricionais e o impacto do seu consumo para lograr os obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU. 

“Come Local” tamén se dirixiu aos cociñeiros e responsables dos comedores escolares, asesorándoos na planificación dos menús, na xestión das provisións e no control dos gastos da súa actividade diaria. A IXP colaborou co produto necesario para a elaboración de pratos axeitados para os rapaces en cada un dos colexios; co obxectivo deste programa de que, en diante, os comedores incorporen os alimentos con selo de calidade diferenciada nas súas cociñas. 

A campaña enmárcase na rede Mercaproximidade, a canle de comercialización que habilitou a Xunta ao inicio da pandemia para garantir a saída dos produtos galegos cara as principais cadeas de distribución.