Degustación de Suprema na Festa de San Cidre en Paradela

A Indicación Xeográfica Protexida colaborou coa XXXI Feira de Ano e a tradicional festa de San Cidre, celebrada este domingo no concello de Paradela. Un día dedicado ao patrón de agricultores e gandeiros, no que Ternera Gallega ofreceu unha degustación de carne amparada baixo a categoría comercial de Suprema. 

A xornada comezaba de mañá cunha gran variedade de actividades. Desde as 11, abría a exposición de gando de raza Rubia Galega, á que a mediodía uníase a exposición “Do tempo das luces”, de fotografías antigas de Paradela. No recinto feiral, os visitantes tamén puideron asistir á feira de artesanía e á exposición de coches clásicos. 

Xa pola tarde, a Banda de Música de Paradela acompañou o desfile de carros e de gando, ata o comezo da celebración da misa de San Cidre. A música tamén deu paso á degustación de Ternera Gallega Suprema, coa orquestra OCA Band.