Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego levan a gandería e a gastronomía autonómicas a Fitur

A versatilidade das carnes do vacún galego estivo presente este mércores en Fitur, a través de dous showcookings ofrecidos pola IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega / Boi Galego no stand de Turismo de Galicia. Baixo a dirección dos chefs do grupo Nove, Javier Rodríguez e Héctor López, ambos selos de calidade vincularon a tradición da gandería galega e a cociña da nosa terra, tanto na súa versión máis clásica como mediante propostas vangardistas, co turismo rural arredor do Camiño de Santiago.

Pola mañá, Ternera Gallega protagonizou o primeiro dos showcookings da man de Javier Rodríguez Ponte “Taky” (Catering Boketé), que presentou catro pezas diferentes, amosando as infinitas posibilidades culinarias da carne certificada. Para achegar ao público a gastronomía típica galega, baseada en cocidos e guisos, cociñou un xarrete como Carne ao caldeiro e un Estufado de lingote de faldra. Pero igualmente quixo ofrecer receitas actuais na que tamén se imprime a calidade da carne amparada. Polo que preparou un Tataky con aliño de tomate, feito coa croca, e unha Tapa da pa (ou espaldiña) á grella, demostrando a moleza e o sabor desta peza, que normalmente se emprega só para guisar. 

A quenda da IXP Vaca Galega / Boi Galego foi pola tarde con Héctor López (Restaurante España), que centrou o showcooking na carne certificada da categoría Boi Galego Selección, presentando unha gran variedade de cortes e propostas gastronómicas. Na liña de aproveitamento de todas as pezas do canal, o chef preparou un Tartar co corte redondo, no canto do habitual solombo. Como corte alternativo, tamén cociñou unha Tapa da pa á grella e sorprendeu cun chourizo elaborado unicamente con Boi Galego. Finalmente, para presentar asado escolleu o centro de costelar. En todos os pratos, as carnes de Ternera Gallega e de vacún maior combinaron con outros alimentos galegos con indicativo de calidade, como queixos, viños ou produtos ecolóxicos, entre outros.  

Medio rural e turismo 

Os dous showcookings estiveron precedidos dunha exposición sobre o sistema de produción de ambas IXP, no que o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, fixo fincapé no xeito tradicional no que os gandeiros inscritos crían aos seus animais, respectando o benestar animal e favorecendo a sostibilidade económica e medioambiental do campo galego. 

Destacou que a actividade das IXP contribúe a manter a paisaxe e a biodiversidade da contorna, logrando así un rural con futuro que atrae un turismo activo. Sen esquecer, neste ano no que continúa o Xacobeo, que moitas das máis de 9.000 ganderías que conforman Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego se atopan en concellos polos que pasan as diferentes rutas do Camiño de Santiago.