A carne de Suprema, na campaña “Galicia etiqueta calidade”

Co obxectivo de poñer en valor os produtos galegos con calidade diferenciada, a Xunta vén de estrear a campaña “Galicia etiqueta calidade”, coa que divulga a importancia de fixarse nas etiquetas dos alimentos para que consumamos o mellor do noso campo e do noso mar. Ternera Gallega forma parte da campaña a través dun vídeo que reflicte a calidade da carne amparada e a relevancia do traballo dos seus gandeiros. 

Mediante a súa difusión dixital, a campaña achega a públicos moi variados a crianza tradicional dos animais inscritos na IXP. E para velo de primeira man, o vídeo lévanos ata Cervantes (Lugo) a visitar a gandería de Felipe, quen explica que os seus becerros toman leite materno como mínimo ata os sete meses, por iso a súa carne se etiqueta como Ternera Gallega Suprema. Unha diferenciación que garante a súa moleza e o seu sabor. 

Con esta e outras acción promocionais, “Galicia etiqueta calidade” porá a énfase na gran variedade de produtos galegos con IXP e DOP, pero tamén nos alimentos procedentes da agricultura ecolóxica, na artesanía alimentaria e nas producións de proximidade, destacando a relevancia de todas elas na gastronomía única de Galicia. 

Nova marca, Galicia Calidade Alimentaria

Segundo anunciou a Xunta antes do Nadal, os produtos agroalimentarios do rural van contar cun novo distintivo baixo o paraugas de Galicia Calidade, no que se incluirán as IXP e DOP, as marcas de garantía, as razas autóctonas e o selo PescadeRías. Tamén se porá en marcha un portal web para a comercialización destes produtos, co que se dará a coñecer o medio rural galego.