O Consello Regulador ensina a produción de vacún de calidade en Fonteboa

Dentro do seu plan formativo aos futuros profesionais do sector, as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego impartiron un seminario sobre a produción de carne de vacún de calidade no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco. Como o ano anterior, o curso dirixiuse aos 23 alumnos de 2º de Produción Agropecuaria e durou tres semanas, nas que as clases teóricas tiveron a súa aplicación práctica en varias ganderías.

Na primeira xornada formativa, o director de Promoción do Consello Regulador, Luis Vázquez, explicou que significa o selo de Indicación Xeográfica Protexida e as funcións do Consello, centradas principalmente no labor de control do produto desde a gandería ata o punto de venda e na promoción da carne amparada para potenciar a súa comercialización. Tamén abordou os modelos e as condicións de produción de cada IXP, indicando as diferencias entre Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego. Igualmente, ensinou aos alumnos as diferentes categorías comerciais das carnes amparadas e as súas cualidades organolépticas. 

A segunda xornada centrouse en cuestións propias da produción do vacún de calidade, como o manexo dos animais, a súa alimentación e o seu benestar, con especial mención á nova Certificación de Benestar Animal Ternera Gallega, que a IXP xa refire desde primavera nas etiquetas da carne certificada. 

Tamén se dedicou grande parte da clase á importancia da planificación dos partos ao longo de todo o ano. O obxectivo é evitar as flutuacións no mercado, logrando que os animais saian de forma equilibrada e se eviten os desaxustes entre a oferta e a demanda en certos períodos. Tras esta formación teórica, os alumnos visitaron diversas explotacións para analizar os seus datos e expoñer, na última xornada do seminario, as súas propostas de mellora para as ganderías participantes. 

Con estas actividades, o Consello Regulador quere contribuír á formación dos futuros profesionais do vacún de calidade galego, avanzando na dinamización e profesionalización do sector produtor.